Semana 10


Ola a todas/os,

Déixovos aquí o traballo para esta semana:

1.     Xa hai tempo que non traballamos aspectos relacionados co vocabulario, polo que será no que nos centremos esta semana. Ide ás páxinas 138-139. Coma sempre, anotade as palabras do cadro que non coñezades (p. 139) e, nesta ocasión, tedes que ser vós mesmas/os quen busquedes as súas definicións no dicionario. Copiade no caderno a palabra e a súa definición. Teredes que enviarme unha fotografía disto. Coidado, sei perfectamente que ninguén vai coñecer todas as palabras.

Despois, botádelle un ollo ao apartado de “sufixos” da páxina 139.

Unha vez feito todo isto, facede no caderno os exercicios 3, 4, 6 e 9 da páxina 139. Tamén me teredes que enviar unha foto disto.

2.     Traballo para entregar: esta semana, volvedes ter que facer un vídeo que vos permita así traballar a vosa expresión oral en galego. Neste caso, imos traballar un tema que nos debe preocupar a todas/os e que é o coidado do noso planeta. Agora que levamos tanto tempo na casa, temos que ser conscientes de que, tamén desde aí, podemos mirar polo medio ambiente e adoptar hábitos sustentables. Por iso, quero que fagades un vídeo no que me contedes cales son as principais medidas que levades a cabo na casa para coidar o medio ambiente. Poden ser:
o   Medidas para aforrar auga (por exemplo, usar a auga do deshumidificador para regar as plantas, pechar a billa mentres lavamos os dentes etc.).
o   Medidas para non malgastar enerxía eléctrica (por exemplo, apagar as luces, facer bo uso dos electrodomésticos etc.)
o   Medidas relacionadas coa reciclaxe e a xestión de residuos
o   Medidas para reducir a cantidade de plástico usados na casa, na compra etc.
o   Medidas para non abusar do emprego do coche
o   Calquera outra iniciativa que teñades na casa e que sexa beneficiosa para o medio ambiente.
Podedes facer o vídeo da forma máis creativa que se vos ocorra (ben saíndo vós explicando cada cousa, ben gravando cada unha das iniciativas que vaiades explicar etc.). Sodes libres para crear. A única condición é que debedes falar en galego (intentade coidar a lingua) e que vos debedes axustar ao tema proposto (por favor, non vos limitedes a falar só dos exemplos que vos puxen eu; investigade e preguntade na casa, seguro que conseguides cousas moi interesantes).

AVISO SOBRE O ENVÍO DO VÍDEO: para mandalo por correo, podedes subilo a Drive (se o facedes dende unha conta de Gmail xa se fai isto automaticamente). Outra opción para mandalo é a que vos dixen da outra vez: empregar WeTransfer. Unicamente tedes que picar neste enlace (https://wetransfer.com/), seleccionar o arquivo que queredes enviar e encher eses campos co voso enderezo de correo electrónico e co meu.

RESUMO DO QUE ME TEDES QUE ENVIAR POR CORREO:
-       Fotografías do caderno de:
o   Lista de palabras que non coñeciades da p. 139 coas súas definicións
o   Exercicios 3, 4, 6 e 9 da páxina 139
-       Vídeo sobre hábitos sustentables nas vosas casas

OLLO: A DATA LÍMITE DE ENTREGA É O VENRES 29 DE MAIO, xa sabedes que non vou corrixir nada que se entregue fóra de prazo.

Un saúdo e unha aperta,
Tamara

Comentarios

Entradas populares de este blog

Semana 7

Semana 8

Última semana