Última semana


Ola a todas/os,

Agora si que chegamos ao remate do curso. Esta é xa a última semana e por iso unicamente vos vou pedir que cubrades a enquisa que vos deixo no enlace, para que valoredes o que vos pareceu este curso comigo. Faise en cinco minutos. Podedes cubrila a ordenador e enviarme ese documento ou imprimila e cubrila á man e mandarme unha foto. Este é o enlace:


OLLO: A DATA LÍMITE DE ENTREGA É O XOVES 18 DE XUÑO.

Ademais disto, chegou o momento de despedirnos. Dáme moitísima pena non poder facelo en persoa pero, para intentar que sexa un pouco máis de verdade, propóñovos que fagamos unha pequena videochamada a semana que vén.

Para os de 1ºA xa temos posta a titoría o luns ás 20:30h, coma sempre. Para os de 1ºB e 1ºC farei unha videochamada conxunta e mandarei unha notificación por Abalar para informarvos do día e a hora. Loxicamente, non é obrigatorio asistir, pero estarei esperando a todas/os as/os que queirades que nos vexamos para despedirnos.

Para os que non queirades ou non vaiades poder conectarvos, quero dicirvos que foi un pracer darvos clase, que pasei moi bos momentos con todas e todos vós e que foi unha gran pena que tivésemos que pasar así o terceiro trimestre. Deséxovos moita sorte para todos os anos que vos esperan no instituto. Oxalá puidese volver darvos clase, pero iso non vai poder ser, xa que o ano que vén xa non estarei en Bertamiráns. Aínda así, tedes o meu correo e poderedes escribirme sempre que queirades e para o que queirades, pasen os anos que pasen. Eu estarei encantada de lervos.     

Unha aperta enorme,
Tamara

Comentarios

Entradas populares de este blog

Semana 7

Semana 8