Semana 8


Ola a todas/os,
Déixovos aquí o traballo para esta semana:
1.     Ao principio da corentena, mandeivos facer uns exercicios sobre os pronomes (das páxinas 122-123, as actividades 1, 2, 6 e 9). Non vos deixara as solucións porque confiaba en volver á clase e podermos corrixilos alí pero en vista de que isto non vai ser posible, déixovos nesta entrada o solucionario (están todos os exercicios das páxinas, tedes que buscar unicamente as solucións dos catro exercicios que vos pedín). Se alguén non os ten feitos, que os faga antes de corrixilos. Este é o enlace:
Deberedes mandarme fotos destes exercicios feitos no caderno e corrixidos.

2.     Seguimos coas correccións. Agora toca corrixir tamén os exercicios da semana pasada sobre o xénero lírico (recordo: 3, 5, 6, 7 e 10 das páxinas 126-127). Tamén me teredes que mandar unha foto na que se vexa que corrixistes os exercicios. Déixovos o enlace co solucionario (mirade só os exercicios que vos pedín, xa que aí están todos os das páxinas):

3.     Para rematar coas correccións, debedes corrixir tamén a actividade dos nexos e mandarme unha foto. Este é o enlace para estas solucións:

4.     Traballo para entregar: como sabedes, o 17 de maio (o próximo domingo) é o día das Letras Galegas e, por suposto, a tarefa para entregar esta semana vaise centrar nesta celebración. Este ano, dedícanselle as Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero e a actividade que vos propoñemos dende o departamento de Lingua Galega ten que ver con esta importante figura da nosa literatura. Este pequeno traballo consta de dúas partes:

a.     Deberedes sacar unha foto nunha ventá (sen dúbida, un lugar simbólico do confinamento), para expresar a necesidade de luz e de comunicación co exterior. Enviarédesme esta foto por correo. Os requisitos da foto son:
                                      i.     Debe ser nunha ventá
                                    ii.     Debe aparecer na foto este verso de Carvalho Calero:
O azul cravado ao alto con mil cravos de ouro
Podedes saír vós na foto ou non pero é importante que a imaxe recolla o verso dun modo claro, relacionado co valor simbólico que ten a ventá para vós. Este verso pode estar integrado na fotografía da forma que vós queirades (cun cartel, cunhas letras pintadas ou pegadas no cristal, cunha tatuaxe pintada nun brazo etc.). Dádelle renda libre á imaxinación e á creatividade!
                      

b.     Ademais da foto, deberedes ler o conto de Carvalho Calero titulado “As pitas baixo a chuvia” (déixovolo neste enlace: https://drive.google.com/file/d/1h31yq3OnilEMJYa2g4D6n-2zPr68MRvd/view?usp=sharing ).

A partir deste relato, deberedes escribir a ordenador (Word ou Libre Office) outro relato semellante, no que contedes unha anécdota real ou imaxinaria que vos ocorrese coa vosa mascota, que tamén pode ser inventada.  
Recordade, un relato sempre debe ter presentación, nó e desenlace. Sede creativas/os e pensade en historias entretidas e divertidas.

IMPORTANTE: debedes aplicar o que traballamos de expresión escrita:
·       División en parágrafos
·       Signos de puntuación
·       Emprego de nexos: este aspecto vai ser fundamental na avaliación do conto.
Revisade eses tres aspectos cando rematedes de escribir o conto e modificade o que consideredes oportuno.

Extensión: 7-10 liñas (cunha letra Times New Roman tamaño 12). Se a letra é máis grande, esta extensión non será suficiente.
Este conto deberá estar feito en Word ou Libre Office (nunca á man).

RESUMO DO QUE ME TEDES QUE ENVIAR POR CORREO:
-       Fotografía coas correccións de:
o   Exercicios dos pronomes
o   Exercicios do xénero lírico
o   Actividade dos nexos.
-       Fotografía creativa na ventá co verso “o azul cravado ao alto con mil cravos de ouro”.
-       Texto escrito en Word ou Libre Office: o pequeno conto coa anécdota da mascota.

OLLO: A DATA LÍMITE DE ENTREGA É O VENRES 15 DE MAIO, xa sabedes que non vou corrixir nada que se entregue fóra de prazo.

Para rematar, déixovos un vídeo que fixeron dende o IES de Arzúa sobre Carvalho Calero, para aquelas e aqueles que queirades saber un pouco máis sobre o autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas:


Un saúdo e unha aperta,
Tamara

Comentarios

Entradas populares de este blog

Semana 7

Última semana