Semana 7


Ola a todas/os,

Déixovos aquí o traballo para esta semana:

1.     Esta semana imos comezar un novo apartado da materia, que ten que ver co xénero lírico. Lémbrovos que xa vimos detalladamente todos os elementos da narrativa e agora tócanos traballar coa poesía. Para isto, o primeiro e fundamental é que escoitedes ben este podcast que gravei para vós, coa explicación de todo o que aparece nas páxinas 126 e 127. Déixovos o enlace e se alguén non pode escoitalo porque non lle funciona o enlace, que me escriba por correo:

Repito: é moi importante que o escoitedes, tomádeo como se se tratase dunha clase por videoconferencia (como explico no podcast, non estou facendo isto, polo menos de momento, porque hai persoas que non teñen a opción de conectarse e quero que todo o mundo poida ter acceso a toda a información).

Unha vez escoitastes iso, facede os exercicios 3, 5, 6, 7 e 10 das páxinas 126-127 (no podcast dou indicacións e fago aclaracións sobre estes exercicios, explicando certas cousas que quizais non entendades).

No correo desta semana, teredes que mandarme fotos destes exercicios feitos no caderno. A semana que vén subirei as solucións.

2.     Como actividade para entregar esta semana (polo tanto, como sabedes, feita en Word ou Libre Office e nunca á man) debedes crear un poema coas seguintes consignas:
·       Debe ter polo menos 8 versos
·       Debe ter polo menos dúas estrofas
·       Deberá haber unha metáfora
·       Despois do poema, debedes escribir nese mesmo documento unha pequena reflexión na que incluades:
o   Canto mide cada verso do poema
o   Cal é a metáfora que incluístes no poema

3.     Expresión escrita: agora tócanos traballar o uso dos nexos. Recórdovos que tedes unha fotocopia do 1º trimestre que se chama “técnicas de redacción” e que aí tedes unha listaxe de nexos que podedes empregar nos vosos textos. Para quen non teña a fotocopia, déixoa tamén neste enlace:
Revisade ben eses nexos, asegurádevos que entendedes o seu significado.

A continuación, facede a actividade que se propón na ficha que vos deixo nestoutro enlace: https://drive.google.com/file/d/1P6LMduUgelb_ihmqcvpqOP58MhUKNrzt/view?usp=sharing
Trátase de que completedes ese conto cos nexos que aparecen na segunda folla. Facédeo no caderno; chega con que copiedes os nexos ben ordenados e seguidos do principio da oración na que lles corresponde ir (non é necesario que copiedes todo o texto, loxicamente). Deberedes mandarme tamén unha foto disto.


Recordo o que dixen antes: se non vos vai algún dos enlaces que deixo aquí, escribídeme por correo.

RESUMO DO QUE ME TEDES QUE ENVIAR POR CORREO:
-       Fotografía cos exercicios das páxinas 126-127
-       Fotografía da actividade dos nexos (completar o texto cos nexos propostos)
-       Documento escrito a ordenador co voso poema e a pequena reflexión sobre el


A DATA LÍMITE DE ENTREGA É O VENRES 8 DE MAIO, xa sabedes que non vou corrixir nada que se entregue fóra de prazo.

Un saúdo e unha aperta,
Tamara

Comentarios

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Semana 8

Última semana