Semana 6


Ola a todas/os,
Como esta semana só teriamos 3 días de clase, xa que o venres é festivo, e que ademais sei que estades un pouco agobiados, ides ter menos traballo. Iso si, quero que todas e todos fagades as poucas tarefas que vos pido:

1.     Debedes corrixir os exercicios de puntuación da semana pasada. Tedes o solucionario neste enlace (https://drive.google.com/file/d/1T7rD-bUrCUF1-d-uN9i5TugmUGMdpdxe/view?usp=sharing). Buscade os exercicios que fixemos e as súas solucións. Despois, quero que escribades brevemente no caderno cales foron os principais fallos que tivestes (cales son os signos de puntuación nos que máis fallastes, en cal das regras de uso tedes máis erros etc.). É moi importante que analicedes as vosas dificultades e reflexionedes sobre elas para poder melloralas. Chega con que o fagades no caderno e me mandedes unha foto, xa que isto non vai contar como redacción, pero vaime servir para ver que aprendestes e, ademais, para comprobar que corrixistes os exercicios.

2.     Esta semana, non vou pedir unha redacción, senón un vídeo (unhas semanas traballaremos a expresión escrita e outras, a expresión oral). Trátase dunha vídeo-receita. Podedes buscar exemplos en Youtube, hai centos deles, e máis aínda durante a corentena. Deberedes gravar como se fai algunha comida (podedes ser vós os que cociñades ou alguén da vosa familia) e ao mesmo tempo ir explicando todo o que se vai facendo. Se non queredes que se vos vexa a cara, podedes enfocar simplemente a cociña.
Coidado, unha video-receita ten que ter sempre esta estrutura:
o   Introdución: presentádevos e explicade que é o que se vai cociñar.
o   Ingredientes: gravade tamén os ingredientes e explicade cales leva e en que cantidade.
o   Elaboración: gravade o proceso de preparación e explicade no vídeo cada paso que hai que seguir para conseguir facer a receita.
Esta actividade favorecerá que vos integredes nas actividades familiares e nas tarefas do fogar, ademais de obrigarvos a buscar vocabulario en galego (lembrade, non podedes usar nomes casteláns de ningún dos ingredientes nin de ningún utensilio de cociña) e a practicar a oralidade nesta lingua. Para poder facelo, deberedes ter primeiro unha versión escrita da receita.

RESUMO DO QUE ME TEDES QUE ENVIAR POR CORREO:
-       Fotografía da pequena reflexión sobre os principais erros e dificultades que tivestes cos exercicios dos signos de puntuación.
-       Vídeo-receita

OLLO: A DATA LÍMITE DE ENTREGA É O XOVES 30 DE ABRIL, xa que o venres é festivo. Acostumádevos a respectar as datas marcadas; non corrixirei cousas que se entreguen fóra de prazo.

Un saúdo e unha aperta,
Tamara

Comentarios

  1. Perdoa Tamara son Rosalía a de 1ºC. Nas tarefas da semana 6, a data límite de entrega pon que e o 30 de Maio, é así ou refíreste ao 30 de Abril?
    Grazas.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Era o 30 de abril si, houbo un erro. Xa o corrixín, moitas grazas por avisar, Rosalía!

      Eliminar
  2. Ola Tamara son Xosé de 1°B, levo dende o martes pasado coas migrañas e ainda non me pasaron, polo que non puiden facer as actividades. Teño que mandarche a redacción igualmente?
    Un saudo
    Xosé

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Mándama, si. Se é por algo xustificado, corríxoa igualmente.

      Eliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Semana 7

Semana 8

Galego